4_compostaje.png

Normativa para mellorar

Os obxectivos de reciclaxe axúdannos a avanzar como sociedade.

Marco Normativo

 Normativa Europea

A Directiva Marco de Residuos (Directiva 2008/98/CE) sobre os residuos establece medidas destinadas a protexer o medio ambiente e a saúde humana mediante a aplicación da seguinte xerarquía na xestión de residuos:

  • prevención,
  • preparación para a reutilización,
  • reciclaxe,
  • outro tipo de valorización,
  • eliminación.

A publicación, no ano 2015, do Plan de Acción para a Economía Circular fixo que a Directiva Marco de Residuos fose revisada para adaptala ao novo escenario de xestión de residuos definido pola Economía Circular. A modificación da Directiva Marco de Residuos foi publicada en maio de 2018 e nela esíxese aos Estados membros que aumenten progresivamente as cantidades de residuos que se destinan á preparación para a reutilización e reciclaxe. Nesta liña, os obxectivos establecidos son:

  • Para o 2025 aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo de 55% en peso.
  • Para o 2030 aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo de 60% en peso.
  • Para o 2035 aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo de 65% en peso.

Por outra parte, a Directiva Marco de Residuos indica que para o 31 de decembro de 2023, os biorresiduos deben ser separados e reciclados ou ben recollidos de forma separada, non podendo ser mesturados con outros tipos de residuos.

Ligazón DMR

Ligazón Modificación DMR

 Normativa Estatal

A Lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados é o texto que traspón a Directiva Marco de Residuos europea á lexislación española.

Ao igual que a Directiva Marco de Residuos, a Lei 22/2011 conta cun artigo específico de biorresiduos (Artigo 24) no que se establece a necesidade de que as administracións, no seu respectivo ámbito de competencias, adopten medidas para establecer a recollida separada de biorresiduos con vistas á compostaxe ou á dixestión anaerobia dos mesmos. Para que as administracións poidan cumprir con esta obriga, a Lei 22/2011 recolle os seguintes métodos:

  • a recollida da fracción orgánica dos residuos domésticos e a recollida separada da fracción vexetal, especialmente en grandes xeradores.
  • a compostaxe doméstica e comunitaria,
  • o tratamento de biorresiduos recollidos separadamente,
  • o uso do compost producido.

Actualmente, a Lei 22/2011 está a ser revisada par adaptala aos novos requisitos establecidos pola normativa comunitaria. O último borrador de modificación desta Lei, publicado o 18 de maio do 2018, introduce as seguintes modificacións:

  • o establecemento da recollida separada de residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica, a máis tardar do 31 de decembro de 2024.
  • a adopción, por parte das autoridades ambientais nos seus respectivos ámbitos de competencias, de medidas apropiadas para:
    • establecer, con carácter obrigatorio, a recollida separada dos biorresiduos para destinalos á compostaxe ou a dixestión anaerobia, en particular da fracción vexetal, os biorresiduos de grandes xeradores e os biorresiduos xerados nos fogares. Os municipios de máis de cinco mil habitantes instaurarán a recollida separada dos biorresiduos no servizo de xestión dos residuos municipais antes do 31 de decembro de 2020. O resto de municipios deberá establecela antes do 31 de decembro de 2023.
    • garantir que o tratamento de biorresiduos recollidos separadamente se realice a través de compostaxe doméstica e comunitaria, ou en instalacións específicas sen que se produza a mestura con residuos mesturados ao longo do proceso. A autorización destas instalacións deberá incluír as prescricións técnicas para o axeitado tratamento dos biorresiduos e a calidade dos materiais obtidos.
    • promover o uso do compost producido a partir de biorresiduos e ambientalmente seguro no sector agrícola, a xardinaría ou a rexeneración de áreas degradadas, en substitución doutras emendas orgánicas e fertilizantes minerais.

Ligazón Lei 22/2011

Ligazón Borrador da modificación da Lei 22/2011 

 

Normativa Autonómica

O 13 de xaneiro de 2011 aprobouse o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2020. Este Plan parte da análise da situación existente da xestión de residuos en Galicia e establece as bases para avanzar cara un escenario máis sostible e acorde á xerarquía de xestión de residuos, que prime a prevención, a reutilización e a reciclaxe sobre outras opcións de valorización dos residuos urbanos.

Ata o de agora, o PXRUG aprobado no ano 2011 foi actualizado en dúas ocasións. A primeira delas, no ano 2014, e a segunda, no ano 2016. A actualización do 2016 non só dá conta dos cambios e dos avances realizados en relación á produción e xestión dos residuos urbanos en Galicia, senón que tamén amplía en dous anos o período temporal de acción do plan, pasando este a ser 2010-2022. Deste xeito, esta actualización permitiu a adaptación do PXRUG ás novas esixencias derivadas da publicación da DMR, da Lei 22/2011, do Plan Estatal Marco de Residuos 2016-2022 (PEMAR) e das medidas do Paquete de Economía Circular.

O ámbito territorial de aplicación e execución do Plan así como das súas dúas actualizacións, é a Comunidade Autónoma de Galicia xa que, tal como se recolle na normativa aplicable (Constitución, Lei 22/2011), é a administración que conta coas competencias para a elaboración de plans autonómicos de xestión de residuos e sobre a autorización, vixilancia, inspección e sanción das actividades de produción e xestión de residuos.

Por outra banda, actualmente a Xunta de Galicia está a traballar na elaboración da nova Lei de Residuos e Solos Contaminados de Galicia. O prazo de participación e consulta ao anteproxecto de Lei xa finalizou e o documento da nova Lei será aprobado durante o presente ano 2019.

Ligazón PXRUG-Sirga

Normativa Municipal

A Lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos no seu artigo 12.5.a establece que os concellos teñen a obriga de prestar o servizo de recollida de residuos, o que se concreta en termos de: «corresponde ás entidade Locais, cando proceda, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma na que establezan as súas respectivas ordenanzas, no marco xurídico do establecido nesta Lei, das que no seu caso diten as Comunidades Autónomas e da normativa sectorial en materia de responsabilidade ampliada do produtor».

Ordenanzas de residuos

A ordenanza é o instrumento legal do que dispoñen as entidades locais e as deputacións para regular a recollida, transporte e xestión dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos, no marco das súas competencias.

Segundo o establecido pola Lei 22/2011, dende o 1 de agosto de 2014, todos os concellos españois deben ter aprobadas as ordenanzas municipais que regulen a xestión do servizo de recollida, transporte e xestión destes residuos.

Para facilitar ás Entidades Locais a súa adaptación ao novo marco xurídico establecido, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) elaborou unha Ordenanza Marco de Xestión de Residuos. Este modelo de ordenanza pode ser consultado na seguinte ligazón.

No caso de Galicia, 18 dos 313 concellos galegos agrupáronse en forma de mancomunidade ou consorcio de xeito que os seus residuos son xestionados de forma conxunta. Nestes casos, a propia Mancomunidade ou Consorcio pode elaborar unha ordenanza reguladora da xestión dos residuos municipais común a todos os concellos da súa competencia.

A ordenanza correspondente ao Consorcio das Mariñas pode ser consultada na seguinte ligazón.

A Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, tamén contempla que as Deputacións presten o servizo de tratamento de residuos municipais nos concellos de menos de 5.000 habitantes e que coordinen a recollida e tratamento de residuos naqueles en que a poboación non supere os 20.000 habitantes. Tal é o caso da Deputación de Ourense, que no ano 2012 aprobou o Convenio marco de cooperación entre a Deputación Provincial e os concellos da provincia para que os concellos que decidan adherirse deleguen nela a prestación, con carácter intermunicipal, do servizo de recollida de residuos domésticos. Actualmente son un total de cincuenta os concellos adheridos, sendo a Deputación Provincial de Ourense a que exerce a totalidade das competencias municipais de ordenación e xestión do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos.

A ordenanza reguladora do servizo de xestión de residuos prestado pola Deputación provincial aos concellos adheridos pode ser consultada na seguinte ligazón. 

No que respecta aos biorresiduos, a ordenanza actualmente en vigor en Galicia que contempla aspectos específicos da xestión deste tipo de residuos é a aprobada en xaneiro de 2019 pola Deputación de Pontevedra. Esta ordenanza pode ser consultada na seguinte ligazón.

Normativa específica de compostaxe comunitaria

A compostaxe comunitaria é unha das alternativas de xestión e tratamento dos biorresiduos contemplados na Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados. Na actualidade estanse a desenvolver instrumentos normativos específicos para regular os requisitos técnicos e xurídicos desta operación concreta de valorización.

Normativa aplicada aos fertilizantes e substratos de cultivo

  • Lexislación aplicable aos produtos fertilizantes.

A nivel europeo, os produtos fertilizantes están regulados polo Regulamento (UE) 2019/1009 do Parlamento Europeo e do Consello, de 5 de xuño de 2019. Este regulamento, establece as disposicións relativas á posta a disposición no mercado dos produtos fertilizantes UE e modifica aos Regulamentos (CE) nº 1069/2009 e (CE) nº 1107/2009.

A nivel estatal, o Real Decreto 506/2013, de 28 de xuño, sobre produtos fertilizantes, e a súa última modificación (Real Decreto 999/2017, de 24 de novembro) é o texto legal que establece a normativa básica en materia de produtos fertilizantes.

  • Lexislación aplicable aos substratos de cultivo.

Real Decreto 865/2010 de 2 de xullo, sobre substratos de cultivo, que ten por obxecto establecer a normativa básica en materia de substratos de cultivo e as nomas necesarias de coordinación coas comunidades autónomas.