hojas.jpg

Compostaxe

Individual, comunitaria ou industrial

O compost e os seus beneficios

Que é o compost?

O compost é o produto da descomposición biolóxica e en presencia de oxíxeno de diferentes materiais orgánicos. Este proceso de descomposición denomínase compostaxe e o compost que se obtén como resultado da mesma presenta un aspecto terroso, libre de malos cheiros e de patóxenos, e é empregado como abono en diversas aplicacións.

Que se pode compostar?

É posible compostar calquera material orgánico biodegradable, tanto de orixe vexetal como animal. A continuación detállanse algúns dos materias orgánicos biodegradables máis comúns contidos nos residuos que producimos nos nosos fogares:

  • Tonas e restos de froita e verdura
  • Restos de comida e comida en mal estado
  • Restos de pan
  • Ósos e restos de carne
  • Espiñas e restos de pescado
  • Cascas de ovo e cascas de froitos secos
  • Pousos de café e restos de infusións
  • Restos orgánicos orixinados na horta, xardín e zonas verdes
  • Follas secas, restos de poda, cortiza e restos de madeira

residuos.png

Que ocorre durante a compostaxe?

 

A compostaxe é o proceso de descomposición dos restos orgánicos, gracias á acción dos microorganismos (principalmente, fungos e bacterias), en condicións de humidade axeitadas e en presencia de osíxeno.

Nos restos orgánicos, o carbono, o nitróxeno e outros elementos contidos neles atópanse en formas complexas, formando parte de numerosas estruturas. Durante a compostaxe, os microorganismos son capaces de degradar parte destas estruturas e transformalas en compostos máis simples. Gran parte destes compostos son nutrientes que, xunto coa materia orgánica, forman o compost que se obtén ao final do proceso de compostaxe. Ao empregar o compost obtido como abono, os elementos nutritivos que contén quedan a disposición das plantas de xeito que o uso do compost permite devolverlle ao solo a súa fertilidade.

Debido á actividade dos microorganismos, durante o proceso de compostaxe despréndese calor, o que permite a hixienización do produto final. Nun proceso de compostaxe doméstica ou comunitaria, os cambios que experimenta a temperatura ao longo do proceso permite distinguir tres fases:

Fase inicial

fases_compostaxe.png

A temperatura no interior do composteiro (ou da pila) é similar á temperatura ambiente. Durante esta etapa, os fungos e bacterias van colonizando paulatinamente os restos orgánicos e comezan a descompoñelos, facendo que a temperatura vaia incrementándose lixeiramente.

Fase termófila

A actividade das bacterias e os fungos intensifícase, de xeito que se libera máis calor, e a temperatura no interior do composteiro (ou pila) aumenta, chegando arredor dos 60-70ºC. Os materiais van perdendo a súa forma e cor orixinais e vanse hixienizando debido a que as altas temperaturas causan a morte dos organismos patóxenos (Salmonella e E. coli, principalmente). Esta fase dura entre un e dous meses.

Fase de maduración

É a fase final. Pasados uns catro meses dende o inicio da achega de restos orgánicos ao composteiro (ou pila), a materia orgánica do seu interior arrefríase xa que xa non quedan restos orgánicos que poidan seguir descompoñéndose e as bacterias e fungos paran a súa actividade. A baixada da temperatura permite a chegada ao composteiro doutros organismos, tales como miñocas e insectos, que se encargan de completar a descomposición para obter o produto final: o compost. Este compost presentará un aspecto granuloso, cor marrón e un cheiro característico a terra vexetal.

Características dun bo compost

As características do compost varían en función do material orgánico de partida e as condicións do proceso de compostaxe. Porén, os compost de boa calidade presentan unha serie de características comúns, entre as que se atopan as seguintes:

  • Cor negra, marrón.
  • Non se aprecian restos dos residuos orgánicos de partida.
  • Textura fina e solta.
  • Cheiro a bosque e a terra.
  • pH neutro
  • Temperatura ambiente

Beneficios do compost para o medio

  • Peche do ciclo de vida da materia orgánica (economía circular), xa que transformamos os residuos nun recurso, o compost.
  • Aforro, recuperación e reciclaxe de recursos naturais (de aplicación en solos deficitarios en materia orgánica).
  • Diminución da cantidade de vertedoiros e incineradoras e, por conseguinte, das substancias tóxicas que se producen durante o seu funcionamento.
  • Redución das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.
  • Redución de problema de malos cheiros.
  • Eliminación de lixiviados.
  • Diminución da contaminación acústica e visual.
  • Maior fixación de carbono no solo.
  • Mellora da calidade, da estrutura e da fertilidade dos nosos solos.
  • Redución do uso de fertilizantes químicos nos cultivos

Beneficios para a cidadanía

  • Aforro na xestión e tratamento de residuos.
  • Aforro na recollida urbana de residuos.
  • Aforro na compra de fertilizantes e abonos.
  • Educación ambiental e participación cidadá.
  • Vía para a concienciación ambiental: permite o apoderamento persoal pola implicación da cidadanía na resolución do problema ambiental ocasionado polos residuos, mediante a aplicación dun proceso natural como é a compostaxe.

Beneficios para a agricultura

  • Mellora da calidade dos nosos solos.
  • Aumento da materia orgánica biodispoñible nos solos.
  • Mellora da actividade dos microorganismos que viven nos nosos solos.
  • Aforro en fertilizantes químicos
  • Diminución dos custes de recollida e tratamento de residuos orgánicos (residuos propios)
  • Ingresos por venda de compost

Beneficios para a xardinaría

  • Mellora da calidade dos solos dos nosos xardíns, ao aumentar o seu contido en materia orgánica grazas á aplicación do compost.
  • Diminución de custes de recollida e tratamento de residuos orgánicos (residuos propios).
  • Mellora das características dos solos que presenten un elevado contido de sales, e aumento da súa capacidade de retención de nutrientes.
  • Mellora da estabilidade das plantacións.
  • Mellora da aparencia das especies vexetais plantadas.
  • Ingresos por venda de compost.

Problemas nun proceso de autocompostaxe ou compostaxe comunitaria: como solucionalos?

PROBLEMA CAUSA SOLUCIÓN
Material moi húmido no interior do composteiro. Exceso de rega ou de entrada de auga de chuvia. Voltear o material (cunha forquiña ou pau).

Material moi seco e que non diminúe de volume.

Ambiente moi seco. Regar o material do composteiro de xeito uniforme.

Achega en exceso de materiais moi secos.

Engadir materiais cun maior contido en auga, como por exemplo caldos e restos de froitas e hortalizas.
Abandono do composteiro. Regar o material do interior do composteiro, engadir materiais frescos e voltear.

Cheiro a podre.

Falta de osíxeno e/ou exceso de humidade. Voltear o material do interior do composteiro e mesturalo con materiais secos.

Cheiro a amoníaco.

Achega en exceso de material cun alto contido en nitróxeno. Voltear o material do interior do composteiro e mesturalo con materiais secos.

Exceso de humidade.

A temperatura do composteiro é baixa.

O nivel de enchido do composteiro é baixo.

Engadir máis cantidade de restos de comida ou do xardín ata acadar as ⅔ partes do composteiro.

A temperatura do composteiro é baixa e está húmido

Exceso de humidade.

Voltear o material do composteiro e engadir materiais secos.
A temperatura do material é baixa e está seco.

Falta de humidade.

Regar o material e remexer.

Moitas moscas arredor do composteiro.

Restos de comida á vista, sen cubrir.

Cubrir ben o material con restos secos ou con terra.

Exceso de humidade.

Vense larvas brancas no interior do composteiro. Larvas de mosca común Reducir a humidade do material, remexéndoo en profundidade os días que non chova
Presenza de formigas.

Restos de comida aínda frescos.

Voltear o material e engadir auga e materiais húmidos.
Pouca humidade do material.
Presenza de ratos. Restos de comida aínda frescos. Retirar os restos de comida frescos, voltear e cubrir.
Presenza de caracois e/ou lesmas Elevada humidade do material ou da zona na que está colocado o composteiro. Voltear o material e engadir materiais secos.

Descarga de documentos