Proxecto demostrativo de 5º contedor

A quen vai dirixido?

 Este proxecto demostrativo vai dirixido á cidadanía así como aos grandes produtores do núcleo urbano do concello de Santa Comba.

En que consiste?

É un proxecto demostrativo de recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos domésticos, mediante un contedor específico para esta fracción, o denominado 5º contedor. Os residuos orgánicos depositados nestes contedores serán recollidos e transportados ata unha planta de compostaxe onde se transformarán en compost, un abono natural.

Con este proxecto piloto perséguese fomentar a recollida selectiva destes biorresiduos para incrementar as taxas de reciclaxe dos residuos domésticos, así como servir de exemplo a outros concellos que, ao igual que Santa Comba, presentan núcleos de poboación densos, favorables para a implantación dunha recollida en contedor de proximidade, e que contan cunha planta de compostaxe próxima ao seu territorio.

A participación da cidadanía así como dos grandes produtores no proxecto de recollida mediante 5º contedor é voluntaria. Para informalos e fomentar a súa participación realizarase unha campaña de sensibilización e captación. As accións contempladas nesta campaña son:

  • Envío de carta informativa a toda a veciñanza do concello
  • Instalación dun punto móbil de información
  • Realización de reunións informativas
  • Visitas aos grandes produtores do municipio

Os fogares e empresas que decidan participar recibirán caldeiros para realizar a separación dos biorresiduos na casa ou no establecemento. Ademais, tamén se lles facilitará unha chave coa que poderán abrir os contedores de recollida selectiva da fracción orgánica colocados na rúa, e depositar neles os residuos orgánicos xerados.

Calendario do proxecto

 Todas as actuacións a desenvolver para a posta en marcha deste proxecto piloto de recollida mediante 5º contedor executaranse entre setembro de 2019 e decembro de 2019.

 

Materiais dispoñibles

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda porá a disposición do concello de Santa Comba o material preciso para poñer en marcha a recollida mediante o 5º contedor: caldeiros de 10 litros, contedores de 240 litros  e chaves para a apertura dos contedores, así como tamén material informativo e divulgativo do proxecto.

Como inscribirse?

  • Inscríbete aquí
  • Durante as reunións informativas ou no punto móbil de información

  • Durante as visitas presenciais