Proxecto demostrativo compostaxe escolar

A quen vai dirixido?

Este proxecto demostrativo vai dirixido a todos os centros educativos de primaria de Galicia interesados en dar a coñecer a compostaxe entre o seu alumnado a través da  implantación dun proxecto demostrativo de compostaxe escolar.
Seleccionaranse un total de 20 centros de entre todos os colexios de primaria que se inscribiron na convocatoria aberta desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o pasado mes de xuño de 2019.
Os requisitos que deben cumprir os centros que queiran participar neste proxecto demostrativo son:

  • horto escolar: valoraranse positivamente aqueles centros que conten con horto escolar;
  • comedor: valoraranse positivamente aqueles centros que dispoñan de cociña e comedor escolar;
  • inexperiencia previa en programas de compostaxe: valoraranse positivamente aqueles centros que non participaran previamente noutras experiencias de compostaxe escolar;
  • persoal responsable: valoraranse positivamente aqueles centros que designen persoal encargado do control e seguimento da implantación do proxecto de compostaxe escolar no centro.

Unha vez descartados os centros que non reúnan os requisitos anteriores, a selección dos centros que participarán no proxecto demostrativo realizarase por estrita orde de inscrición.

En que consiste?

Este proxecto demostrativo ten por obxectivo achegar a compostaxe dos residuos orgánicos ao alumnado galego a través da implantación dun proxecto piloto de compostaxe escolar.

Para tal fin, unha vez seleccionados os centros escolares participantes, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda facilitará os medios necesarios para a implantación da compostaxe nos centros escolares. Ademais da colocación do composteiro e o subministro de caldeiros para a separación dos residuos orgánicos, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

  • Obradoiros para o alumnado,
  • Formación para o profesorado,
  • Formación para o persoal de cociña,
  • Visita de seguimento técnico,
  • Asesoría continua.

As formacións do profesorado e persoal de cociña realizaranse in situ, nas propias instalacións do centro educativo, por un técnico/a experto/a en compostaxe e terán unha duración aproximada de 45 minutos-1 hora. O día das formacións aproveitaranse para montar os composteiros e repartir os materiais necesarios.

Os obradoiros para o alumnado serán dunha hora aproximadamente e serán dinamizados por unha persoa con experiencia en educación ambiental. O obradoiro a impartir decidirase xunto coas persoas responsables de cada centro educativo, dependendo da idade do alumnado.

Unha vez o composteiro estea xa en funcionamento, realizaranse dúas visitas de seguimento.

As visitas de seguimento acordaranse xunto ás persoas designadas como responsables nos colexios.

Ademais, aos centros participantes faráselle entrega dunha unidade didáctica orientada a continuar co proxecto de compostaxe escolar durante os próximos cursos.

Calendario do proxecto

Todas as actuacións a desenvolver para a posta en marcha deste proxecto demostrativo de compostaxe escolar executaranse entre setembro de 2019 e decembro de 2019.

Materiais dispoñibles

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda porá a disposición dos centros, todo o material para a posta en marcha do proxecto piloto: composteiros de 830 litros, contedores de 60 litros, caldeiros de 10 litros, aireadores e termómetros

Ademais, farase tamén entrega a cada centros de diversos materiais informativos e divulgativos relacionados co proxecto, así como dunha unidade didáctica relacionada coa compostaxe.

Como inscribirse?

  • O período de inscrición tivo lugar durante o mes de xuño, e nestes momentos atópase pechado.
 
comp_esco_cas_0.png