Proxecto demostrativo de produtor responsable

A quen vai dirixido?

Neste proxecto demostrativo de recollida selectiva porta a porta poderá participar:

  • Calquera gran produtor do sector HORECA (hoteis, restaurantes, cafeterías e bares) cuxo establecemento estea situado no núcleo urbano do concello de Arteixo.

  • Os centros educativos do núcleo urbano de Arteixo que dispoñan de servizo de comedor escolar.

  • As empresas situadas no polígono industrial de Sabón que dispoñan de servizo de comedor.

A participación dos grandes produtores no proxecto piloto “Produtor responsable” é voluntaria. Os establecementos, empresas e centros que decidan adherirse recibirán un distintivo que os identificará como produtores responsables.

A entrega deste distintivo irá acompañada doutras accións publicitarias da campaña, co obxectivo de dala a coñecer. Deste xeito, os clientes e persoas usuarias poderán identificar o distintivo “Produtor responsable” como un selo do compromiso social e ambiental adquirido polo establecemento, empresa ou centro. Ademais, a posta en valor do bo comportamento ambiental dos grandes produtores adheridos contribuirá tamén á mellora da súa imaxe, xerando un valor engadido cara os seus clientes e persoas usuarias en particular, e cara a cidadanía en xeral.

En que consiste?

É un proxecto demostrativo de recollida selectiva porta a porta da fracción orgánica dos residuos domésticos xerados por grandes produtores do concello de Arteixo. O obxectivo do proxecto é facilitar e potenciar a xestión diferenciada de residuos entre os grandes produtores, en particular dos biorresiduos, o que permitirá mellorar sensiblemente os resultados de recollida selectiva e as taxas de reciclaxe municipais.

Accións a desenvolver

As actuacións que se executarán como parte deste proxecto piloto son:

  • Identificación dos grandes produtores do concello de Arteixo que poderían participar no proxecto piloto “Produtor responsable”. A estes grandes produtores enviaráselle un correo electrónico no que se achegará información sobre o proxecto e as próximas actuacións informativas e formativas que se desenvolverán.
  • Realización de reunións informativas iniciais co obxectivo de dar a coñecer o proxecto piloto “Produtor responsable”. Estas reunións terán carácter xeral, e dirixiranse a todos os establecementos do sector HORECA (hoteis, restaurantes, cafeterías e bares) e os comedores escolares do centro urbano de Arteixo, así como ás empresas do polígono industrial de Sabón que conten con servizo de comedor. Co fin de facilitar a asistencia, propoñeranse diferentes datas e localizacións para a súa celebración e contarase co apoio do tecido asociativo do concello de Arteixo para a difusión da convocatoria de realización das mesmas.
  • Realización de reunións formativas e visitas presenciais ás instalacións/establecementos dos participantes inscritos no proxecto piloto “Produtor responsable”. Nestas reunións e visitas trataranse cuestións relacionadas coa implantación da recollida porta a porta da fracción orgánica, así como aspectos xerais sobre a recollida selectiva.
  • Seguimento das recollidas mediante a realización de caracterizacións dos residuos orgánicos depositados nos contedores instalados nos establecementos participantes. O obxectivo destas caracterizacións será avaliar a calidade dos residuos orgánicos recollidos.

Como inscribirse?