10_mo.png

Recollida selectiva

Os biorresiduos supoñen o 42% dos residuos de Galicia.

Separándoos para a reciclaxe contribuímos á sustentabilidade do planeta.

Recollida selectiva de materia orgánica

 Razóns para separar selectivamente na casa:

  • Aforro na xestión, recollida e tratamento de residuos.
  • Redución da produción e emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro.
  • Diminución da contaminación dos nosos mares, ríos e solos.
  • Peche do ciclo da materia orgánica, ao converter os residuos en recursos.
  • Redución da perda de recursos naturais.
  • Aumento de postos de traballo no eido dos residuos (emprego verde).

Opcións para o tratamento da materia orgánica recollida selectivamente

Compostaxe doméstica

Que é?

Tal e como se define no anteproxecto de Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, a compostaxe doméstica consiste na xestión dos propios residuos domésticos de carácter orgánico biodegradable producidos nun fogar ou similar e que realizan as persoas e/ou familias individualmente para a utilización particular do compost resultante. A compostaxe doméstica considérase unha operación de prevención de residuos.

Para a realización da compostaxe doméstica empréganse composteiros individuais que se colocan nas hortas e xardíns de cada casa, ou ben ao aire libre, sen ningún tipo de recipiente, amoreando os restos orgánicos en pilas.

Os composteiros individiduais poden ser de tipo comercial ou de confección caseira, podéndose empregar para a súa construción materiais como bidóns, palets ou arame, entre outros. A capacidade recomendada dos composteiros comerciais individuais é de entre 300 e 450 L.

Recursos para a compostaxe doméstica

Para poder compostar nas nosas casas precisamos os seguintes recursos:

  • Espazo con terra ou herba de 1 m² de superficie aproximadamente
  • Composteiro doméstico
  • Aireador
  • Residuos da cociña ou da horta.
  • Residuos de xardinería (restos de poda, follaxe, herba seca, etc.).

compostys-4.jpg

Compostaxe Comunitaria

 Que é?

Segundo o establecido no anteproxecto de Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, a compostaxe comunitaria consiste na xestión dos residuos domésticos de carácter orgánico biodegradable producidos nos fogares ou similares nunha instalación común creada para o efecto, co fin de obter un recurso para a súa aplicación como fertilizante ou substrato de cultivo. Mentres que na compostaxe doméstica, cada composteiro é empregado por unha soa familia, na compostaxe comunitaria son varios domicilios e familias ou un gran xerador os que achegan ao composteiro os seus residuos orgánicos. Os composteiros empregados para compostaxe comunitaria teñen unha capacidade de entre 700 e 1000 L. 

thumb_20140917_122359_000_1024.jpg

Vermicompostaxe

Co termo vermicompostaxe ou lombricompostaxe denomínase ao proceso de compostaxe no que as miñocas son as responsables da degradación dos residuos orgánicos. Ao igual que a compostaxe, a vermicompostaxe é tamén un proceso aerobio, xa que as miñocas precisan osíxeno para desenvolverse.

A miñoca vermella de California (Eisenia foetida) e a miñoca de terra (Eisenia andrei) son as especies máis empregadas en vermicompostaxe.

Compostaxe industrial

A compostaxe industrial é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados pola cidadanía, nos fogares, e polos grandes produtores, obténdose compost como produto final de dita descomposición. A compostaxe industrial realízase a unha escala superior á doméstica e comunitaria, sendo preciso transportar os residuos orgánicos xerados ata unha planta de tratamento.

Nestas plantas, o tratamento dos residuos orgánicos realízase en pilas (dinámicas ou estáticas), ou túneles, ou cámaras pechadas de bio dixestión, verticais ou horizontais.

machine-2412897_19201.png

Dixestión anaerobia

A dixestión anaerobia, tamén chamada biodixestión ou biometanización, é un proceso biolóxico que se produce en ausencia de osíxeno e durante o cal a materia orgánica é transformada pola acción de microorganismos en biogás: un gas composto principalmente por metano e dióxido de carbono. Este biogás, despois dun tratamento axeitado, pode ser empregado para a obtención de enerxía eléctrica. Ademais do biogás, como resultado da dixestión anaerobia da materia orgánica, obtense tamén o dixerido, un material semi-líquido que pode ser compostado e empregado como abono.

Posto que a dixestión anaerobia require crear e manter unha atmosfera sen osíxeno, o tratamento dos residuos orgánicos mediante este sistema non se realiza a escala doméstica. Isto obriga a que os residuos orgánicos teñan que ser recollidos e transportados ata unha planta de tratamento, onde son acondicionados e introducidos no reactor onde ten lugar a dixestión anaerobia.

Exemplos de compostaxe doméstica e comunitaria en Galicia

Programa de compostaxe doméstica da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA)

No ano 2010, a Sociedade Galega de Medio Ambiente puxo en funcionamento a súa primeira experiencia de compostaxe doméstica, na que participaron un total de 200 fogares de cinco concellos da Mariña Lucense. Dende entón e ata a actualidade, foron sumándose ao programa de compostaxe doméstica de Sogama novos concellos e actualmente son un total de 183 os adheridos.

A participación no programa é voluntaria e os concellos que deciden adherirse poden solicitar a realización de accións formativas para a cidadanía do municipios así como recibir materiais divulgativos e formativos sobre compostaxe individual ademais de composteiros domésticos destinados ás vivendas que o soliciten.

mapa1.png

Plans de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA) do Estado.

Os Plans de Impulso ao Medio Ambiente no sector dos residuos domésticos son unha iniciativa do Ministerio de Medio Ambiente destinada a fomentar a separación en orixe dos biorresiduos para o seu tratamento biolóxico ou outro para o seu posterior aproveitamento. Actualmente, os plans PIMA van pola súa terceira edición e un total de vinte e seis entidades locais (concellos e Mancomunidades de concellos galegos) resultaron beneficiarios das subvencións destas edicións.

Os proxectos presentados polas entidades locais galegas agrúpanse en tres categorías: os de posta en marcha ou mellora da recollida separada de biorresiduos,os dirixidos á implantación de plans de compostaxe doméstica e/ou comunitaria, e os de recollida separada de aceites de cociña usados.

A lista de concellos e mancomunidades de concellos beneficiarios é a seguinte: Ames, Allariz, A Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Arteixo, Arzúa, Mancomunidade de concellos do Barbanza, Barbadás, Barro, Brión, O Carballiño, Cerceda, Cerdedo-Cotobade, Coles, Fisterra, Guitiriz, O Grove, Mugardos, O Pino, Padrón, Santiago de Compostela, Rianxo, Rois, Santa Comba, San Sadurniño e Taboadela.

Illa de Arousa: Proxecto Life de posta en marcha dun programa de compostaxe doméstica (ano 1998)

O Concello de A Illa de Arousa foi dos primeiros municipios galegos en poñer en funcionamento un programa de compostaxe individual. A iniciativa partiu do propio concello quen, en 1997 presentou unha proposta que resultou gañadora dun Proxecto Life. A adxudicación deste proxecto, financiado pola Unión Europea, permitiu a adquisición e reparto por todo o ámbito municipal dun total de 400 composteiros individuais.

Ademais, o proxecto contempla tamén o aproveitamento de toxo, procedente da limpeza de montes, que é triturado por persoal municipal e posto a disposición da veciñanza para o seu uso como estruturante nos composteiros.

Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

O Plan Revitaliza, impulsado pola Deputación de Pontevedra, leva en funcionamento dende o ano 2015 e ten por obxectivo a xestión dos biorresiduos xerados nos concellos pontevedreses mediante sistemas de compostaxe descentralizada. Actualmente, son un total de 42 os municipios pontevedreses adheridos e que contan con composteiros individuais e centros de compostaxe comunitaria en funcionamento ao abeiro deste Plan.

 

Experiencias de valorización de biorresiduos de orixe municipal a escala industrial en Galicia 

Mancomunidade de concellos da Serra o Barbanza

A Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza está formada polos concellos de: Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia e Porto do Son. Neste seis concellos, xunto con Ames, Pontecesures e Rois, está implantada a recollida selectiva de materia orgánica. Os primeiros concellos en adherirse á recollida selectiva de materia orgánica no ano 2003 foron Brión, Lousame, Noia e Porto do Son. Posteriormente, no ano 2004 sumáronse Muros, Carnota e Rois. Finalmente, no ano 2006, uniuse o concello de Ames sendo actualmente un total de nove concellos os que contan con contedores específicos para a recollida de residuo orgánico.

A materia orgánica depositada nestes contedores pola veciñanza destes nove concellos é transportada ata a planta de compostaxe industrial do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, no concello de Lousame, onde é xestionada e transformada en compost.

A Coruña e Consorcio de As Mariñas

Do mesmo xeito que nos concellos da Serra do Barbanza, o contedor específico para a recollida de residuo orgánico está tamén implantado nos concellos de A Coruña, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Agás A Coruña, estes concellos forman parte do Consorcio de As Mariñas.

A materia orgánica depositada pola veciñanza nos contedores específicos para residuo orgánico nestes nove concellos é transportada ata a planta de biodixestión de Nostián. Nesta planta a materia orgánica pasa por un proceso de fermentación no que se obteñen dous produtos: o biogás e o dixerido. O biogás é un gas cun alto contido en metano que se utiliza na propia planta como combustible para a produción de enerxía eléctrica. Pola súa banda, o dixerido é un material semi-líquido que, despois de pasar por un proceso de secado e compostaxe, é transformado en compost, podendo ser empregado como abono.